Antollo (capricho en gallego, poesía)

Moi lonxe queda o caldo matinal,

caldo dunha pota enferruxada

que daba noxo vela ateigada,

porque o unto, miseria odiada,

lucía entre coles coma tendal.


Soñabamos con esa chicha frescal

que paparía a señoritada,

mentres a panza, xa escarmentada,

facendo ruidiños na madrugada

pedía a berros un prato formal.


Mais a fame foi pecado venial

habendo froita toda a tempada.

Íase perder a non afanada,

debiamos aproveitar aquel caudal.


Sempre me gustou o reino vexetal,

e o animal que nunha redada

non me atrapou na horta vaiada

porque moi no fondo lle daba igual.


Todo trae un recordo virxinal

de cando a nenez era dourada

e a aventura doce manantial.


Tempos en que vivía co esencial

e era ditoso con case nada,

anque unha enchenta nunca viña mal.

Xosé Enrique Oti García.





Comentarios

Entradas populares de este blog

Soneto en gallego (poesía)

Colibrí adulador (poesía)